Marta Míguez Telle, Secretaria Xeral para o Deporte

SAÚDO DA SECRETARIA XERAL PARA O DEPORTE, MARTA MÍGUEZ TELLE, CON MOTIVO DO CAMPIONATO DE ESPAÑA EN IDADE ESCOLAR DE ESCALADA

Cunha altitude de 4.810 metros, o Mont Blanc é a montaña máis elevada da Unión Europea, un accidente xeográfico marabilloso que ao longo da historia foi, é e será obxecto das aventuras máis intrépidas dos montañeiros de todo o mundo. O 8 de agosto de 1786 tivo lugar o primeiro ascenso á maxestosa montaña de Chamonix coroada por Jacques Balmat e Michel Gabriel Paccard. A súa xesta é considerada como o nacemento da actividade montañista moderna, polo que tamén recibe o nome de alpinismo. E como todas as historias da xénese do deporte, conta cun mecenas, un enamorado da xeografía neste caso, que subvencionou a viaxe de Balmat e Paccard cunha recompensa de vinte táleros. Foi o prezo pagado por Horace-Bénédict de Saussure para coñecer a altitude da montaña mítica e para apadriñar, sen sabelo aínda, unha práctica deportiva que hoxe conta en Galicia con preto de 5.000 licenzas na Federación Galega de Montañismo.

A Secretaría Xeral para o Deporte tamén quere contribuír a toda aquela actividade deportiva que poida beneficiar a calidade de vida da nosa poboación para reducir as consecuencias do sedentarismo. Ese é o obxectivo principal do noso Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, unha iniciativa do Goberno autonómico, que nace para facer fronte a un dos grandes desafíos da saúde pública de comezos do século XXI.

Son os nosos nenos e nenas nos que debemos centrar esta mensaxe con maior forza. Eles -os que serán os adultos de mañá- deben aprender desde as idades máis temperás a integrar na súa rutina hábitos de vida ordenados e saudables.

O Campionato de España en Idade Escolar de Escalada é unha oportunidade inmellorable para continuar acadando moitos dos obxectivos do Goberno galego: benestar, deporte, calidade de vida e natureza. Porque a actividade da escalada deportiva, levada a cabo nun rocódromo, prepara aos deportistas para o montañismo, unha actividade en pleno contacto co medio que nos rodea.

Ese é outro dos valores que debemos inculcar aos máis pequenos: o respecto pola nosa contorna. Os recursos naturais deben ser os compañeiros inseparables dos nosos deportistas. A sustentabilidade da práctica deportiva respecta, coida e protexe os nosos mares, as nosas montañas e os nosos camiños.

Agardamos que a vindeira fin de semana do 7 e o 8 de xullo poidamos facer chegar esta mensaxe desde Santiago de Compostela a todos eses rapaces e rapazas de España que practican escalada.