Saúda do Alcalde de Santiago, Martiño Noriega

Compostela é unha cidade pequena no cuantitativo, pero cunha gran carga simbólica. Orgullosa capital de Galicia, hónranos ser neste mes de xullo capital da escalada, acollendo con moito agarimo o campionato estatal de escalada deportiva. Pola nosa cidade pasarán as mellores e os mellores cadetes nesta disciplina, procedentes de Madrid, Castela e León, Estremadura, Valencia, Andalucía, Euskadi, Aragón e Castela a Mancha. Recibiremos cos brazos abertos a preto de 80 participantes, que terán a oportunidade de empaparse da beleza da nosa cidade, o seu casco histórico e o seu patrimonio. E non só iso, grazas á emisión deste evento por streaming, o nome de Compostela chegará a miles de fogares que desexen seguir a competición en liña. Quizais moitos e moitas se animen a visitarnos despois de seguir este acontecemento deportivo pola pequena pantalla.

Durante os dous días de celebración do campionato teredes a oportunidade de sentirvos como na casa, acollidos pola marabillosa xente que conforma Compostela e que vos demostrará que somos unha localidade acolledora e hospitalaria. Benvidas a Santiago, capital do deporte.