Saúda da concelleira de Deporte e Mocidade Ayto. Santiago de Compostela, Noa Morales Sánchez


 

O deporte base e as disciplinas deportivas menos visibilizadas son dúas das chaves que configuran a nosa acción política. Ambas cuestións veñen da man no Campionato de Seleccións autonómicas en idade escolar que acolleremos o 7 e 8 de xullo en Santiago. Non só temos a oportunidade de asistir a un evento deportivo de primerísimo nivel, senón que tamén colocará á nosa cidade no centro dos deportes minorizados, que necesitan un fomento e atención especial por parte das administracións públicas.

Estamos seguras de que para formar en valores ás xeracións do futuro e para crear nelas hábitos de vida saudables, debemos fomentar o deporte desde as idades máis temperás. Este campionato supón unha nova oportunidade para facelo e para amosarlle ás novas xeracións que existen multitude de deportes, máis aló dos máis mediáticos, cos que poden sentirse cómodos e cómodas. Benvidas a Santiago, cidade do deporte san.