Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

SAÚDO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO, CON MOTIVO DO CAMPIONATO DE ESPAÑA EN IDADE ESCOLAR DE ESCALADA

O famoso sherpa Tenzing Norgay, o primeiro en alcanzar a cima do cumio máis alto do mundo, o monte Everest, dixo unha vez que “ao escalar unha gran montaña ninguén deixa a un compañeiro para alcanzar a cima só”.

O deporte encerra grandes valores como os de esforzo, sacrificio, compañeirismo, constancia e sobre todo traballo en equipo. Traballo en equipo dun grupo de xente que loita por uns obxectivos comúns. Á fin e o cabo, o feito de facer deporte é o feito de colaborar xunto a outros para acadar uns obxectivos.

Esta mensaxe de traballo en equipo, apoio ao compañeiro e suma de esforzos para acadar máis e maiores metas é unha das mellores leccións que podemos outorgar aos nenos e nenas de Galicia. A escalada, aparece neste punto como un dos deportes a través dos que podemos educar aos nosos pequenos dun xeito disciplinado, respectuoso e deportivo. Por iso, o Campionato de España en Idade Escolar de Escalada que acollerá Santiago de Compostela será unha oportunidade única para vivir unha gran fin de semana de deporte base e todos eses valores que pretendemos transmitir a través da actividade física.

A escalada promove as nosas montañas, a nosa natureza que é o noso recurso turístico máis importante, e son eses propios recursos naturais os que tamén incrementan as opcións da nosa oferta deportiva. Todo isto pódese comprender dun mellor xeito no II Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia que terá lugar en Ourense entre o 15 e o 17 de novembro e no que a escalada terá un papel protagonista.

Resulta, ademais, unha perfecta casualidade que este ano que terá lugar o primeiro Campionato de España en Idade Escolar de Escalada coincida coa decisión do Comité Olímpico Internacional de aprobar que a escalada deportiva estea presente nos vindeiros Xogos Olímpicos de Toquío 2020, tamén por vez primeira, o que supón un recoñecemento da familia olímpica aos valores que representa a escalada.

As medallas que se entregarán en Toquío premiarán a aquel e a aquela deportista máis completa na suma das tres disciplinas da escalada de competición: a velocidade, a dificultade e o bloque. Quen sabe se, dentro duns anos, algún ou algunha deportista galega subirá ao caixón máis alto do podio olímpico da escalada deportiva. O 7 e o 8 de xullo, en Compostela, poñeremos o primeiro banzo para conseguilo.